O Club Xirandela de Sarria recibe unha homenaxe municipal tras proclamarse campión galego

As deportistas do Club de Ximnasia Rítmica Xirandela de Sarria foron recibidas no Concello nun acto de homenaxe presidido polo alcalde, Claudio Garrido, acompañado polos concelleiros Félix Seijas e Isabel Vergara. A recepción serviu para recoñecer o éxito acadado polas ximnastas da categoría de iniciación, nivel escolar, que o pasado 24 de maio se proclamaron campioas galegas na competición celebrada en Pontevedra.
Durante o encontro, as deportistas recibiron o recoñecemento institucional polo traballo desenvolvido ao longo de toda a tempada, culminado coa consecución do título autonómico. O acto puxo en valor o esforzo, a dedicación e a constancia demostradas polas ximnastas, así como o labor realizado polo club na promoción do deporte base.
As integrantes do equipo mostraron a súa satisfacción por este recoñecemento, que consideran unha recompensa ao traballo realizado durante meses de adestramentos e competicións. Ademais, quixeron destacar o apoio permanente das súas familias, que as acompañaron durante toda a tempada e estiveron presentes tamén neste acto institucional.
Desde o Club Xirandela agradeceron o respaldo recibido por parte do Concello e valoraron especialmente a celebración dunha recepción que permitiu compartir con familiares, representantes municipais e veciñanza un éxito deportivo que sitúa á entidade entre as referencias da ximnasia galega na categoría escolar.