O Club Xirandela pecha o seu XXIV Campus de ximnasia rítmica cunha semana de deporte e aprendizaxe

O Club Xirandela de Sarria puxo fin ao XXIV Campus Club Xirandela - Sarria 2026, unha semana na que as participantes combinaron adestramentos de ximnasia rítmica con xogos, actividades deportivas e momentos de convivencia antes do descanso estival e do inicio da próxima tempada.
Un dos momentos máis destacados do campus foi a masterclass impartida por Hernán Sío, un dos grandes referentes da ximnasia rítmica masculina en Galicia. O deportista, que conta con 18 medallas nacionais, foi campión de España na clasificación xeral en 2022, compite en Primeira Categoría e foi distinguido co Premio Círculo do Deporte 2026. Durante a súa visita compartiu exercicios, técnica e consellos coas ximnastas, que tiveron a oportunidade de aprender da súa experiencia nunha intensa sesión de adestramento.
O campus contou tamén coa presenza de dúas figuras destacadas da ximnasia rítmica galega. Marta Bobo, primeira ximnasta olímpica de Galicia, e Candela Martínez, subcampioa de España en 2025, achegaron a súa experiencia ás participantes, ofrecéndolles recomendacións e compartindo unha xornada de convivencia coas deportistas e o equipo técnico.
Desde o Club Xirandela agradeceron a implicación dos tres deportistas pola súa dispoñibilidade e polo tempo dedicado ás ximnastas, destacando que estas experiencias permiten ás máis novas aprender de referentes da modalidade e seguir medrando tanto no ámbito deportivo como persoal.