O Club Xirandela reuniu a case 700 ximnastas no XXV Torneo Vila de Sarria de ximnasia rítmica

SarriaXa
A entidade sarriá celebrou unha edición marcada polo cheo absoluto no pavillón e polos grandes resultados deportivos acadados polas súas ximnastas
XXV-Torneo-Vila-de-Sarria-de-Gimnasia-Rítmica-Club-Xirandela
11 May 2026

O Club Xirandela celebrou en Sarria o XXV Torneo Vila de Sarria de ximnasia rítmica, unha cita que reuniu preto de 700 ximnastas pertencentes a diferentes clubs das provincias de Lugo e A Coruña. O evento converteuse nun auténtico éxito de participación e asistencia, cun pavillón completamente cheo durante as tres xornadas da competición.

Desde a entidade destacaron o gran ambiente vivido ao longo do torneo, subliñando que o desfrute das ximnastas e o bo desenvolvemento da organización permitiron que a competición transcorrese segundo o previsto. O club tamén quixo agradecer o apoio recibido por parte de colaboradores, familias, adestradoras e participantes, resaltando a implicación de todas as persoas que fixeron posible esta nova edición.

No apartado deportivo, o Club Xirandela conseguiu un importante balance de resultados, acadando nove medallas e deixando ademais tres equipos ás portas do podio.

En nivel B, o club logrou a medalla de prata en iniciación e prebenxamín, ademais do ouro na categoría infantil. En nivel escolar, as ximnastas sarrías finalizaron cuartas en iniciación e benxamín, conseguiron a prata en prebenxamín e sénior, o ouro en alevín e unha sexta posición en infantil.

Pola súa banda, no nivel promoción, o club acadou tres medallas de ouro nas categorías benxamín, infantil e xuvenil, completando así unha destacada actuación colectiva no torneo disputado en Sarria.

0.12773394584656