O Colexio CEIP Frei Luís de Granada foi rehabilitada para frear os problemas de fisuras

SarriaXa
El Colegio CEIP Frei Luís de Granada de Sarria estreno las instalaciones esta semana tras sus obras de rehabilitación.
ceip frei luis de granada sarria
9 Abr 2022

O Colexio CEIP Frei Luís de Granada, en Sarria, estreou esta semana as instalacións tralas obras de rehabilitación integral acometidas neste centro con fondos da Xunta. Unha renovación total do centro tras os problemas de fisuras acontecidos nos últimos tempos.

A estabilidade estrutural do centro non se viu en ningún momento comprometida. Os distintos informes técnicos existentes sobre o edificio avalan a súa capacidade portante, o orixe do problema as luces dos vanos dos forxados, que xeraban movementos nos mesmos e ocasionaron a aparición de fisuras. As obras acometidas reforzan a estrutura do colexio e minimizan estes movementos evitando a aparición de fendas.

Reforzo estrutural
A primeira parte da intervención centrouse no reforzo estrutural do centro. Para iso executouse un recrecido de capa de compresión de formigón estrutural, que se ancorou sobre capa de compresión existente.

Deste xeito mellórase o comportamento do forxado ao aumentar a zona de compresión do mesmo e diminúense as cargas permanentes ao substituír a capa de recrecido e pavimento de terrazo por capa de compresión e pavimento de linóleo. Ademais, colocouse nova tabiquería con placas de fibra-xeso para diminuír as cargas sobre os forxados.

Tamén se repararon as fendas do ximnasio e executouse unha soleira ventilada para minimizar os problemas de humidade deste espazo.

Aforro enerxético
Por outra banda, acometéronse actuacións para a mellora da eficiencia do edificio, a través das que se acadou un aforro enerxético anual do 15%, tanto no referido ao consumo de enerxía primaria como ás emisións de CO².

En concreto aplicouse sistema SATE (sistema illante de envolvente continua polo exterior) e mudáronse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluíndo a instalación de persianas de aluminio con illante no interior. Así mesmo, substituíronse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética e colocouse falso teito acústico, novas carpinterías interiores e pavimentos.

A maiores, e co obxectivo de adaptar as instalacións do centro aos novos tempos, melloráronse as súas condicións de acceso e evacuación e instalouse unha nova infraestrutura de comunicacións.

0.16728091239929