O Concello de Paradela abre o prazo para participar no XXXI Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López

O Concello de Paradela abriu o prazo de presentación de obras para participar na XXXI edición do Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López, tras a aprobación das bases pola Xunta de Goberno Local o pasado 12 de marzo. O concurso abrangue tres modalidades: narrativa, poesía e Camiño de Santiago.
Poderán participar todos os autores, independentemente da súa nacionalidade, cunha única obra por categoría. As creacións deberán ser orixinais, inéditas e non premiadas noutros certames, e poderán presentarse en galego ou castelán.
Na modalidade de narrativa, os relatos terán unha extensión máxima de vinte folios, mentres que na de poesía non poderán superar os cen versos. Pola súa parte, a modalidade especial Camiño de Santiago, convocada novamente este ano, permitirá participar tanto con obras narrativas como poéticas inspiradas na ruta xacobea, destacando o papel de Paradela como un fito do Camiño Francés.
O prazo de entrega das obras permanecerá aberto entre o 1 de outubro e o 30 de novembro de 2025. Os traballos poderán enviarse por correo postal ao Concello de Paradela ou por correo electrónico á dirección oix.paradela@eidolocal.es, seguindo as indicacións recollidas nas bases oficiais.
Os premios establecen 1.000 euros para o primeiro galardo e 500 para o segundo en narrativa e poesía, ademais dun premio único de 1.000 euros na modalidade Camiño de Santiago. O xurado poderá outorgar tamén accésits e mencións de honra de 250 euros.
O fallo do xurado farase público no mes de maio de 2026, tanto nos medios de comunicación como nas páxinas web paradela.es e concelloparadela.es, e comunicarase persoalmente ás persoas gañadoras, que serán convidadas ao acto de entrega de premios.