O Concello de Sarria agradece ao CB Sarria a doazón de xoguetes da súa campaña solidaria

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Sarria trasladou o seu máis sincero e profundo agradecemento ao CB Sarria pola doazón dos xoguetes recollidos a través da súa campaña solidaria. Grazas a este xesto, cargado de sensibilidade e compromiso social, será posible garantir que ningún neno nin nena do municipio quede sen xoguetes durante as celebracións do Nadal.
Desde o Concello destacaron que detrás desta iniciativa houbo un importante esforzo organizativo, moitas horas de traballo e, sobre todo, unha gran implicación humana por parte do club e das persoas colaboradoras. Un labor que permitiu transformar a solidariedade en ilusión para as familias que máis o precisan nestas datas tan sinaladas.
A Concellería subliñou tamén o valor dunha acción que contribúe a facer comunidade, que emociona e que pon de manifesto o mellor espírito do Nadal, agradecendo ao CB Sarria a súa xenerosidade e o exemplo que supón para o conxunto da sociedade.