O Concello de Sarria busca solucións ante a suspensión do Servizo de Conciliación Escolar na vila

SarriaXa
O alcalde do Concello de Sarria busca solucións ante a suspensión do Servizo de Conciliación Escolar na vila
nenos coeduca xogando
nenos coeduca xogando
5 dic 2022

O rexedor do municipio, Claudio Garrido, vén de asumir a realización das xestións necesarias para buscar “unha solución provisional e urxente á suspensión do Servizo de Conciliación Escolar” que permita restablecer dito servizo ó longo desta semana.

Claudio Garrido afirma que “Agora mesmo a prioridade é garantirlle ás familias usuarias que en cuestión de días poderán volver beneficiarse da conciliación escolar. Ó tratarse dun servizo esencial e cunha especial incidencia social, cremos que se pode axilizar a tramitación para resolver o problema a nos próximos días".

Con este propósito, o rexedor xa solicitou ós técnicos municipais a preparación dun "contrato menor ponte" que permita a unha empresa prestar dito servizo de xeito temporal ata que se preparen os pregos para sacar a licitación o contrato global para todo o exercicio de 2023.

Respecto á orixe do problema, Claudio Garrido indicou que, “tras ter coñecemento da situación, o pasado 26 de outubro remitiulle unha Resolución da alcaldía ó concelleiro delegado de Servizos Sociais, Benjamín Escontrela, advertíndolle do incumprimento reiterado da Lei de Contratos do Sector Público, cuestionando a súa actuación neglixente e instándoo á asunción das responsabilidades que a súa inacción administrativa en materia de contratación puidera implicar”.

Debido a esta situación, Claudio Garrido non ocultou a súa "total perda de confianza en Benjamín Escontrela como concelleiro delegado e membro do goberno" e, tras "varios intentos infrutuosos de concertar unha reunión en persoa", anticipou que lle ofrecerá "por última vez, a oportunidade de explicarse antes de adoptar decisións sobre a súa continuidade no goberno local".