O Concello do Incio e Afalu acordan desenvolver actividades formativas na localidade

SarriaXa
O Goberno local do Concello do Incio acordou con eles desenvolver actividades formativas na localidade a partir do mes de setembro
reunion-afalu-o-incio
20 Jun 2024

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, e a concelleira Goretti Díaz mantiveron unha xuntanza de traballo co persoal de Afalu, Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demenencias de Lugo. Ao encontro asistiron, ademais da vicepresidente da Asociación, Iria Franco, unha das traballadoras sociais, Maitane Fernández, e o terapeuta ocupacional, Eduardo Díaz.

O Goberno local do Concello do Incio acordou con eles desenvolver actividades formativas na localidade a partir do mes de setembro, con carácter continuado. A formación vai estar dirixida a coidadores e coidadores de persoas en situación de dependencia e tamén se farán accións destinadas aos veciños e veciñas en xeral. Desde a Asociación tamén se propuxo ofrecer cursos sobre o coidado no fogar ou o autocoidado a través da realización de obradoiros.

O Concello do Incio estuda agora as necesidades que existen na localidade para fixar os lugares nos que se levarán a cabo estas actividades, así como as datas de celebración, que serán comunicadas á veciñanza para que poida beneficiarse o maior número de persoas.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, asegura que esta vía de colaboración con Afalu “é moi necesaria para axudar nos coidados das persoas dependentes e dos seus propios coidadores, polo que agardamos que as propostas que se fagan teñan moita demanda e sexan de axuda para os nosos veciños e veciñas”.

0.14577198028564