O Concello do Incio incorpora unha nova desbrozadora para o mantemento de camiños

O Concello do Incio recibiu unha nova desbrozadora adquirida con fondos propios, un equipamento que se incorporará aos servizos municipais e que estará destinado principalmente ás tarefas de desbroce de camiños e estradas de titularidade local.
A incorporación desta maquinaria enmárcase nas actuacións do Goberno local para mellorar o mantemento da rede viaria municipal, reforzando os traballos de limpeza e conservación dos espazos públicos e das vías de comunicación do municipio.
Con este novo recurso, o Concello busca optimizar os labores de mantemento no rural e mellorar o estado das infraestruturas viarias, facilitando a circulación e contribuíndo á seguridade nos desprazamentos pola contorna.