O XIII DHU Vila de Sarria encherá a Praza da Vila de deporte, música e espectáculo esta fin de semana

O DHG Team ten xa todo preparado para a celebración do XIII DHU Vila de Sarria, que converterá a vila na capital galega do descenso e do freestyle durante os días 11 e 12 de xullo. A edición de 2026 chega cun importante cambio na súa configuración, xa que a meta da competición trasládase por primeira vez á Praza da Vila, un espazo que concentrará a maior parte das actividades deportivas e de lecer programadas ao longo da fin de semana.
Este novo punto neurálxico acollerá a cerimonia de entrega de premios, música en directo, unha zona gastronómica e o concurso de Dirt Jump, reforzando a intención da organización de achegar a competición ao público e converter o centro de Sarria nun gran escenario ao aire libre.
Outra das novidades desta edición serán as melloras introducidas no circuíto de descenso, onde se incorporaron novas estruturas e diferentes actuacións para incrementar a espectacularidade da proba mantendo en todo momento as condicións de seguridade tanto para os riders como para os espectadores.
Cinco referentes do freestyle
Un dos grandes atractivos do programa será o Dirt Vila de Sarria 2026, que se celebrará o sábado 11 de xullo ás 19:00 horas na Praza da Vila. A exhibición contará coa participación de Alejandro Bonafe, Marcel Dubau, David Ramos, Saúl Vilar e Miguel Guerrero "Carolo", cinco nomes de referencia no panorama nacional e internacional do freestyle.
Entre eles destaca Alejandro Bonafe, considerado un dos mellores riders do mundo. Foi distinguido como Red Bull Rookie of the Year 2022, converteuse no primeiro deportista en executar un Cashroll Tailwhip to Barspin e conquistou en tres ocasións o título anual do Night of the Jumps.
Tamén estará presente Marcel Dubau, rider con ampla experiencia internacional que participou en probas como Red Bull Roof Ride, Crankworx SilverStar, Big White, 4 Bikes Festival, Winterberg e O Marisquiño. Ademais, forma parte desde hai tres anos do equipo de Bienve Aguado no Red Bull Rampage, colaborando no deseño e construción dos percorridos desta prestixiosa competición.
O cartel complétase con Saúl Vilar, actual campión de España absoluto de BMX Freestyle Park e situado entre os mellores especialistas europeos; Miguel Guerrero "Carolo", gañador de O Marisquiño 2022 e vencedor da categoría Best Trick de Eurobike Frankfurt, ademais de participante habitual no circuíto Crankworx; e David Ramos, especialista en Four Cross, Pump Track e Dirt Jump.
Programa da fin de semana
A actividade arrancará o sábado 11 de xullo coa celebración do Mini DHU, cuxos adestramentos comezarán ás 09:30 horas, seguidos da manga clasificatoria ás 11:45 horas e da final ás 12:30 horas.
Pola tarde, entre as 16:00 e as 19:00 horas, desenvolveranse os adestramentos oficiais do DHU, mentres que ás 19:00 horas dará comezo o concurso de Dirt Jump na Praza da Vila.
A programación completarase cun amplo apartado musical. Ás 18:00 horas actuará Tukupá! Batukada; ás 21:20 horas, Big Motion Danza Urbana; ás 21:45 horas, Habló Pablo; ás 23:00 horas, Mescalina Tributos; e a partir da 01:00 horas, Señora DJ pechará a primeira xornada.
O domingo 12 de xullo estará reservado para a competición principal do DHU Vila de Sarria. Os adestramentos oficiais desenvolveranse entre as 10:00 e as 14:00 horas, a manga clasificatoria disputarase ás 16:00 horas e a gran final dará comezo ás 17:30 horas.
Desde o DHG Team confían en que esta edición supoña un novo paso adiante para consolidar o DHU Vila de Sarria como unha das grandes citas do calendario nacional de descenso e freestyle, combinando deporte de máximo nivel con actividades pensadas para todos os públicos.