O DHU Vila de Sarria regresará os días 11 e 12 de xullo cunha nova edición do descenso urbano

O DHG Team anunciou as datas de celebración dunha nova edición do DHU Vila de Sarria, o seu evento anual dedicado ao descenso urbano, que se desenvolverá durante a fin de semana do 11 e 12 de xullo na localidade sarriá.
Como sucede cada ano, Sarria volverá converterse na capital do Descenso Urbano, reunindo profesionais e participantes de distintas categorías nun evento que combina competición deportiva e actividades de lecer dirixidas ao público asistente.
Segundo a organización, a primeira xornada contará con diversas actividades desde a mañá, entre elas as competicións da categoría Mini DHU, mentres que durante a tarde terán lugar os adestramentos de descenso. Ademais, na pasada edición o programa incluíu tamén o Dirt Jump Vila de Sarria, unha proba de saltos en bicicleta que destacou polo seu carácter espectacular.
A programación nocturna volverá completar a oferta do evento con actuacións musicais na vila. Na edición anterior participaron artistas e grupos como Saha & Ryu, Piensa en Wilbur, Green Covers e os DJ Frisco e Marcos Peón.
Xa durante a segunda xornada desenvolverase a parte principal da competición de descenso urbano. As probas arrancarán a primeira hora da mañá e prolongaranse ata a tarde, cando terá lugar a entrega de premios que porá o peche á cita deportiva.