O Festival Internacional de Maxia de Sarria confirma a Shiro Mentalista como novo artista da súa XXI edición

O XXI Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, que se desenvolverá os días 20, 21, 22 e 23 de agosto, vén de anunciar un novo nome para o seu cartel desta edición: Shiro Mentalista, que se incorpora ao programa tras as confirmacións previas de Joaquín Matas e Marina Puigbert.
O artista, considerado unha das figuras máis destacadas do mentalismo a nivel estatal, conta cunha traxectoria recoñecida por diferentes galardóns, entre eles o título de Campión de España de Mentalismo, o segundo premio en Invención e o Botón de Ouro no programa Got Talent, entre outros recoñecementos.
Desde a organización destacan a espectacularidade do seu número, sinalando o impacto que provoca en directo e a súa capacidade para sorprender ao público. A súa participación no festival chega tras a invitación da dirección do evento, que conseguiu a súa aceptación para actuar por primeira vez na cita sarriá.
Con esta incorporación, o festival continúa configurando unha programación que converterá Sarria nun punto de referencia da maxia durante o mes de agosto.