O Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria incorpora a Borjini o Mago como artista convidado

SarriaXa
O novo talento da ilusión participará na XXI edición do certame, que se celebrará do 20 ao 23 de agosto
Borjini-el-Mago
8 Jul 2026

O XXI Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, que terá lugar entre os días 20 e 23 de agosto, contará coa participación de Borjini o Mago como artista convidado desta edición.

O director e organizador do festival, Roberto Lolo, explicou que cada ano procura dar oportunidades a novos talentos do mundo da maxia e destacou que nesta ocasión a súa aposta recae nun ilusionista moi novo que, ao seu xuízo, destaca polo seu desparpaxo, a súa calidade artística e a súa capacidade para sorprender ao público.

Segundo sinalou, Borjini o Mago representa unha das promesas da maxia, aínda que considera que xa conta cun presente destacado que o leva a formar parte do cartel do festival sarrián.

O artista ofrecerá espectáculos nos que combinará humor, proximidade e ilusión cun estilo desenfadado e participativo, pensado para conquistar ao público de todas as idades.

A programación completa da XXI edición do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria darase a coñecer proximamente e incluirá os espazos e horarios das actuacións de Borjini o Mago e do resto dos artistas participantes.

0.11937403678894