O Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria suma novos artistas e reforza a presenza galega na súa XXI edición

SarriaXa
Mino e Arthur incorpóranse ao cartel dun evento que tamén incluirá un espectáculo de maxia para bebés e contará con magos galegos destacados
maxia-Sarria-Roberto-Lolo
3 Jul 2026

O XXI Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria continúa avanzando novos detalles da programación do evento, que se celebrará os días 20, 21, 22 e 23 de agosto, coa incorporación de novos artistas ao cartel e unha destacada presenza de talento galego.

Entre as novas confirmacións figuran Mino e Arthur, que participarán por primeira vez no festival cun espectáculo dirixido a públicos de todas as idades. A súa proposta escénica combina diferentes disciplinas artísticas nas que se mesturan maxia, humor, clown e interpretación teatral a través dunha linguaxe propia e dun formato caracterizado pola interacción e a orixinalidade.

Desde a organización sinalan que ambos están considerados entre os artistas máis recoñecidos do panorama nacional dentro da súa especialidade e destacan a súa ampla traxectoria profesional, avalada por distintos premios e recoñecementos. Entre eles figuran o Premio Nacional de Maxia Infantil, o Primeiro Premio Trofeo Mágico Javier Antón de Zaragoza, o Primeiro Premio do Concurso do Encontro Nacional de Magos Infantís e o Terceiro Premio do II Concurso Nacional de Maxia Cómica–Certame Pepe Carroll 2026. A estes galardóns súmase tamén un novo recoñecemento obtido este mesmo ano na categoría de maxia cómica.

A programación desta edición incorporará ademais unha novidade que poderá verse por primeira vez no festival: un espectáculo de maxia para bebés pensado especificamente para os espectadores máis pequenos e as súas familias.

O evento contará tamén cunha ampla representación galega, unha aposta da organización por reunir artistas cunha forte conexión co público e unha traxectoria consolidada ou emerxente dentro do panorama máxico da comunidade.

Entre os nomes confirmados atópase Román García, habitual do festival desde os seus inicios; Sara Rodríguez, especialista en cartomaxia; Lara Doiro, unha das figuras emerxentes con maior proxección; Samuel Moreno, que regresará nesta edición con novas propostas escénicas; e Iván Tourís, outro dos artistas que continúa gañando presenza no ámbito da maxia galega.

A eles unirase tamén o propio director e organizador do festival, que ademais do labor de coordinación volverá subir ao escenario para compartir actuacións co público nunha edición que terá un significado especialmente emotivo para a organización.

0.12668395042419