O Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria incorpora ao ilusionista David Roy ao cartel da súa XXI edición

SarriaXa
O mago, coñecido pola súa participación en Got Talent, actuará por primeira vez en Sarria entre os días 20 e 23 de agosto
David-Roy
15 Jul 2026

O XXI Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria continúa desvelando os artistas que formarán parte da súa programación. O organizador do evento, Roberto Lolo, anunciou a incorporación do ilusionista David Roy, que actuará por primeira vez na vila durante a cita que se celebrará do 20 ao 23 de agosto.

David Roy é un dos novos nomes da maxia nacional e destaca polo seu estilo dinámico, fresco e moderno. A súa participación no programa televisivo Got Talent permitiulle darse a coñecer entre o gran público, sorprendendo tanto á audiencia como ao xurado coas súas actuacións.

Ademais da súa presenza en televisión, o mago conta cun espectáculo propio en Madrid, consolidándose como unha das promesas da maxia actual.

Coa súa incorporación, o Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria segue completando un cartel pensado para todos os públicos, reunindo artistas de prestixio nun evento que cada ano converte a localidade nun referente desta disciplina.

Desde a organización déronlle a benvida ao festival, agradecéndolle a súa disposición para formar parte dunha cita que, segundo destacan, está feita "con corazón", cun elenco de grandes artistas e un público que cada edición responde de maneira excepcional.

0.11781692504883