O Festival Ribela Love and Nature contará na súa segunda edición con 16 artistas internacionais

SarriaXa
A intención do Asociación Ribela é cumprir os obxectivos específicos dos organizadores, que se basean na sostibilidade, a gastronomía, a natureza e a cultura.
Festival Ribela Love and Nature Sarria
14 Aug 2023

A intención do Asociación Ribela é cumprir os obxectivos específicos dos organizadores, que se basean na sostibilidade, a gastronomía, a natureza e a cultura.

Os vindeiros 18 e 19 de agosto celébrase a segunda edición do Festival Ribela Love and Nature, que naceu no ano 2022 despois de anos de formación e preparación por parte dos seus organizadores co fin de crear un festival diferente na xeografía galega no que se puidera desfrutar da natureza, a música, a gastronomía, o bo ambiente e a sostibilidade.

A primeira edición contou coa participación de 22 artistas que encheron o complexo de 10.500 metros cadrados durante catro días seguidos e, nesta segunda edición, serán 16 grupos musicais os que virán a Ribela, en Sarria, a dar os seus concertos.

Estes serán Rayotaser, Maria Grep, Blanco Palamera, Valdivia, Aparato, Fábrica de Espejos, Moreno Moreno, Annie Hall, Dalila, Fonkid, Hidden Raposo, Jorginho, Aldonna, Viktor Flores, Certain People e Jack Wasfaster.

A Asociación Cultural Ribela

Os organizadores da primeira edición do Ribela Love and Nature decidiron crear unha asociación cultural co fin de organizar diferentes eventos, ademais deste festival, co fin de promover a cultura e a música en Sarria.

Pero o máis importante, sen lugar a súbidas, é o Festival, cuxa segunda edición foi organizada xa dende o día seguinte que terminou a primeira, xa que “sabiamos que iamos facelo moito máis grande que a primeira edición”.

“Estamos facendo eventos diferentes co obxectivo de crear unha marca recoñecible porque, a pesar de que haxa xente que non irá ao festival, xa nos coñece”, argumentan desde a asociación. Ademais, din que “ir facendo programación gratuíta en Sarria e que o pobo poida beneficiarse e quitar os prexuízos contra os festivais é moi bo para Sarria”, explican.

Por outra banda, desde a asociación explican que sufriron pequenos inconvenientes en temas de patrocinios porque “é moi lioso”, explican, e tamén sufriron a falta de colaboración por parte da Concellería de Cultura do Concello de Sarria, que non se puxo a disposición deles ata despois das eleccións municipais de maio. Actualmente, con mellores relacións, cren que poderán dispoñer do balcón do Concello para a presentación o día da inauguración.

Ademais, si que contan, desde a edición pasada e tamén nesta, coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura da mesma entidade, así como coa colaboración da Xunta de Galicia.

Unha segunda edición que promete

Desde a organización do Festival sosteñen que durante a primeira edición máis de 300 persoas participaron do evento, polo que este ano aumentouse o aforo de persoas, contando con arredor de 500, que virán de Sarria e Lugo, pero tamén de fóra, xa que o ano pasado todos os artistas foron de Galicia, pero este ano traen xente de Madrid e incluso Australia.

Así, o espazo no que ten lugar este festival conta con varios espazos para o desfrute das persoas que acudan a el. Por unha parte, teñen o ‘Funny Playz’, un lugar destinado á realización de actividades para todas as idades no que hai xogos de psicomotricidade, minigolf, pintacaras, pintura luminescente, inchables, debuxos... Tamén está a ‘Zona relax’, un espazo onde descansar e desfrutar de propostas gastronómicas locais cheo de zonas verdes para que as persoas poidan desfrutar e charlar. Por último, está a zona de ‘La rebelión es sostenible’, un stand dedicado ás políticas de sostibilidade onde solicitar un cinceiro de peto ou cambiar bolsas de residuos recollidos por tíckets de comida ou bebida.

Todos estes espazos, así como os concertos programados, están pensados desta forma específica para cumprir os obxectivos específicos dos organizadores, que se basean na sostibilidade, a gastronomía, a natureza e a cultura.

Os obxectivos

No caso do obxectivo da sostibilidade, os organizadores teñen como pretensión ser referentes no coidado e o medio ambiente e, por iso, desenvolven políticas de mellora e respecto  e polo medio ambiente. Pártese de incentivos tanto educativos como económicos, con políticas de devolución de diñeiro en función dos residuos recolleitos.

Con respecto á gastronomía, teñen propostas gastronómicas locais, opcións veganas e materias primas autóctonas como requisitos da organización. No tema da natureza, queren promover a paisaxe natural, entre murallas, fauna e natureza, nun das contornas máis belas da provincia. E, por último, buscan un selo que elimine os prexuízos da música electrónica e independente, mentres que se fai unha aposta por artistas nacionais, internacionais e artistas emerxentes da nosa comunidade.

En base a estes catro piares, desde a asociación búscase crear experiencias e lembranzas inesquecibles para as persoas que vaian ao festival, que se convertan “nunha gran familia de asistentes recorrentes”, defenden.

Concretamente, explican, a finalidade é crear unha experiencia única, onde todos os  participantes teñan o seu lugar dentro dun ambiente familiar, divertido, de coidado do medio ambiente e de respecto polos demais.

Así, queren que esta experiencia saia da liña común de festivais onde a música é a única oferta cultural, xa que tamén ofrecen gastronomía local, actividades para os máis pequenos, descanso, áreas recreativas e servizo de cámping a escasos metros do recinto.

Ribela Love and nature concerto
Ribela love and nature 2
Ribela love and nature
0.11942195892334