O Festival Tremeterra celebrará a súa quinta edición no Incio os días 28 e 29 de agosto

GaliciaXa | SarriaXa
O festival volverá reunir en Eirexalba a persoas afeccionadas á cultura sound system cun cartel internacional e unha programación que combinará música, obradoiros e convivencia
Tremeterra-2026
28 Jun 2026

O Festival Tremeterra celebrará os vindeiros 28 e 29 de agosto a súa quinta edición en Eirexalba, no Incio, convertendo novamente o municipio nun punto de encontro para as persoas afeccionadas á cultura sound system. O evento reunirá durante dúas xornadas a amantes deste movemento musical caracterizado polo uso de equipos artesanais de son, amplificadores e tocadiscos empregados principalmente na reprodución de música reggae e dub.

A programación combinará actuacións musicais con obradoiros, debates abertos, espazos de convivencia, zona de comida e área de acampada, cun formato que busca unir música e natureza nun ambiente saudable e pensado para persoas de todas as idades, incluídas familias que cada ano participan nesta cita.

Os organizadores xa avanzaron parte do cartel desta edición, que contará cunha importante presenza internacional e con artistas e colectivos destacados da escena dub e sound system. O primeiro día estarán presentes Dub Mono HiFi e Echo Fonics, mentres que a programación incluirá tamén a actuación de Dub Dynasty by Alpha Steppa e Alpha & Omega, unha proposta que reunirá dúas xeracións de referentes históricos do dub británico.

Entre os nomes confirmados figuran tamén Marian, integrante de La Comadre Sound System e unha das figuras destacadas da escena colombiana; Numa Crew, colectivo italiano influenciado polos sons británicos do jungle, grime e drum'n'bass; Rain Selectress, chegada desde Colombia; o produtor francés Stepper One; e Ananda of Akasha, considerado o primeiro sound system feminino de música dub en Galicia.

O festival contará ademais coa presenza de Echo Phonics, Joe Yorke, OKO UK, Inner Echo Music, Wends, Sati Selecta, Spiritual Rockers, Ital Roots, Dapatch, Irie Nanara e Souljah Warrior, entre outros artistas que levarán a Eirexalba propostas musicais que mesturan reggae, dub, bass music, jungle, dancehall e sons electrónicos.

Deste xeito, O Incio volverá converterse durante eses días no centro galego da cultura sound system, consolidando unha cita que medra edición tras edición e que xa se posiciona como unha referencia deste estilo musical en Galicia.

0.11496210098267