O Festival Tremeterra celebrará a súa quinta edición os días 28 e 29 de agosto en Eirexalba

Os organizadores do Festival Tremeterra confirmaron a celebración da súa quinta edición os vindeiros 28 e 29 de agosto en Eirexalba, no municipio do Incio. O evento volverá reunir a decenas de persoas afeccionadas á cultura do sound system, un movemento no que destacan os altavoces artesanais, amplificadores e tocadiscos empregados para reproducir música reggae e dub.
Ao longo de dúas xornadas, o festival ofrecerá unha programación que combinará actuacións musicais con obradoiros, debates abertos, espazos de convivencia, zona de comida e área de acampada. A proposta busca unir música e natureza nun ambiente saudable e natural no que poidan compartir experiencia amantes da música de todas as idades, incluídas familias que cada ano se achegan ata esta cita.
Deste xeito, O Incio converterase de novo durante eses días no centro do sound system, consolidando unha convocatoria que medra edición tras edición e que xa se ten convertido nun referente deste estilo musical en Galicia.
Na pasada edición, a programación musical do venres contou coas actuacións de Pirata Sound Sensistema, Bakin Black e Morgana xunto a Nina Girassois durante a tarde. Xa na noite subiron ao escenario 10.000 Lions, Black Beanie Dub, Ishan Sound con Rider Shafique e Dub Mono HiFi, encargado de pechar a sesión de madrugada.
Pola súa banda, a xornada do sábado arrancou con Media Lúa Soundsystem e continuou con Ital Roots xunto a Long Fingah, Roll&Record con Alpha Pup e Ashanti Selah. Na franxa nocturna actuaron Lion’s Den Soundsystem, High Nebra acompañado de Indra Mc, Piya Zawa e Tom Spirals, ademais de Dubbing Sun e Violinbwoy. O peche da cita correu novamente a cargo de Lion’s Den Soundsystem ata o amencer.
A organización irá desvelando nas próximas semanas os detalles do cartel e das actividades previstas para esta nova edición, coa intención de repetir o éxito acadado nos últimos anos e seguir facendo de Tremeterra unha referencia cultural e musical no rural lucense.