O Festival Ultreia et Suseia continúa este xoves cunha xornada dedicada á música, a tradición e a educación

No marco do Festival Ultreia et Suseia, que se está a desenvolver en Sarria desde o martes 14 de xullo, celébranse as 'Xornadas Camiño de Santiago e Territorio: Música, tradición e educación' este xoves 16. A programación arrancará ás 11.00 horas no IES Gregorio Fernández cunha sesión práctica do material didáctico 'O Camiño de Cantigas: música tradicional para instrumentación escolar', dirixida por Laura Álvarez e Carme López, investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
As xornadas parte dun proxecto de investigación seleccionado e financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e ten como obxectivo elaborar materiais didácticos baseados na música tradicional galega vinculada ao Camiño de Santiago para que poidan empregarse nas etapas de Primaria, Secundaria e tamén na Universidade.
Segundo explica López, o equipo investigador detectou a escaseza de recursos específicos para traballar a música tradicional galega nas aulas. Por iso, ademais de elaborar o material educativo, decidiron organizar unhas xornadas abertas á cidadanía para divulgar o proxecto e facer que transcenda o ámbito universitario.
Con ese propósito contactaron coa organización do Festival Ultreia et Suseia, impulsado por Etiqueta Negra, ao considerar que se trata dun evento cultural de referencia na comarca de Sarria e o escenario idóneo para conectar a Universidade coa sociedade. "Queremos achegar este traballo á veciñanza, aos peregrinos e a todas as persoas interesadas, facendo que o coñecemento saia da universidade e chegue ao territorio", sinala a investigadora.
Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, a Capela do Perpetuo Socorro acollerá un seminario gratuíto que se iniciará coa conferencia 'Os instrumentos musicais no Camiño de Santiago. Pasado, presente e futuro', impartida por Germán Arias, de Arxemil Luthería.
Entre as 17.45 e as 19.00 horas celebrarase unha mesa redonda titulada 'Propostas educativas dende a tradición e o territorio', na que participarán distintos especialistas para analizar como a educación pode vincularse co patrimonio, a música tradicional e o medio rural. Intervirán Branca Albán e Tania Sánchez, con O rural imaxinado; Vicente Blanco e Estella Freire, co Laboratorio de formas rural; Apolinar Varela, que presentará unha proposta sobre xoguetes e enredos tradicionais e sustentables no Camiño de Santiago; e as propias Laura Álvarez e Carme López, que explicarán o traballo desenvolvido arredor da música tradicional para a instrumentación escolar.
A xornada rematará entre as 19.00 e as 20.00 horas co concerto ilustrado 'A zanfona e o Camiño de Santiago', a cargo de Germán Díaz e Benxamín Otero, poñendo o broche final a unha proposta que pretende divulgar o patrimonio musical galego e reforzar os vínculos entre a investigación universitaria, a educación e a sociedade.