O festival Ultreia et Suseia regresará a Sarria do 14 ao 19 de xullo coa súa quinta edición

SarriaXa
O evento incluirá propostas de narración oral, danza, teatro, música e humor, ademais de iniciativas como Danza no Camiño e Camiñografía
Contos-Sonoros-Banda-Municipal-Ultreia-et-Suseia
9 May 2026

Os organizadores do Festival Ultreia et Suseia confirmaron as datas da quinta edición do evento, que volverá converter Sarria nun punto de encontro cultural e social durante o mes de xullo. Nesta ocasión, a programación desenvolverase entre os días 14 e 19 de xullo, ambos incluídos.

O festival reunirá novamente diferentes disciplinas artísticas e actividades pensadas para todos os públicos, cun programa no que haberá espectáculos de narración oral, danza, teatro, música en directo, humor e propostas de animación infantil.

Entre as actividades previstas destacan iniciativas xa consolidadas dentro do festival como Danza no Camiño e Camiñografía, nas que está prevista a participación de colectivos como Meigas e Trasgos, Peleriños e Rebuldeira Teatro, entre outras propostas que a organización irá desvelando nos próximos días.

A pasada edición contou coa presenza do actor Luis Zahera e dos creadores de contido Pepe e Lucas, nun programa que reuniu numerosas actividades culturais e unha ampla participación de público.

O festival está organizado por Etiqueta Negra e conta co apoio do Concello de Sarria e da Deputación de Lugo.

0.091366052627563