O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo chega a Sarria con máis de 12.600 tíckets rexistrados

SarriaXa
A iniciativa da Federación de Comercio, co apoio da Deputación, presentou en Sarria o vehículo MG3 Hybrid+ que se sorteará entre as persoas participantes
Presentación-campaña-Comercio-en-Sarria
5 Nov 2026

O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo suma xa máis de 12.600 tíckets rexistrados desde o seu inicio, o pasado 20 de outubro, cando faltan 25 días para o remate da campaña. A iniciativa da Federación de Comercio, co apoio da Deputación, presentou en Sarria o vehículo MG3 Hybrid+ que se sorteará entre as persoas participantes.

No acto participaron o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; o presidente do Centro Comercial Urbano de Sarria-ACES e o alcalde, Claudio Garrido.

A presentación forma parte do percorrido que o coche está a realizar por diferentes localidades para dar visibilidade á campaña e ao comercio de proximidade. Despois de pasar por Lugo, Burela e Sarria, estará en Vilalba o 12 de novembro e en Monforte de Lemos o día 26.

As persoas que realicen compras superiores a 10 euros nos establecementos participantes da provincia poden rexistrar os seus tíckets na web www.sorteocomercio.es/coche. Os comerciantes tamén poden introducir as compras en colaboración coa clientela, o que permite conseguir unha participación adicional. En ambos os casos é necesario conservar ou fotografar o xustificante.

O prazo para participar rematará o 30 de novembro. O sorteo do MG3 Hybrid+ celebrarase o 3 de decembro, ante notario, no Pazo de San Marcos, en Lugo. A identidade da persoa gañadora publicarase na web da campaña.

Durante a presentación, Pablo Rivera destacou o papel do comercio local na actividade económica e social dos concellos e sinalou que cada compra contribúe a xerar emprego, manter servizos e dinamizar as vilas. Pola súa banda, José María Seijas amosou a súa satisfacción pola evolución da iniciativa.

0.13598203659058