O Grupo Xacobeo Sarria organiza unha ruta polo Camiño Eufrasiano con magosto e festa en Samos

SarriaXa
A actividade, que inclúe castañas, viño e xantar colectivo, celebrarase o 9 de novembro e conta coa colaboración do Concello e da Asociación de Comerciantes de Samos
camiño-eufrasiano-Samos-e-O-Incio
30 Oct 2025

O Grupo Xacobeo Sarria organiza o vindeiro sábado 9 de novembro unha nova edición da súa tradicional Ruta do Camiño Eufrasiano e Magosto, unha xornada que combina natureza, gastronomía e convivencia, e que se consolidou como unha cita de referencia para os afeccionados ao sendeirismo e á cultura popular.

A actividade comezará pola mañá cun percorrido de 9 quilómetros polo Camiño Eufrasiano, desde Val do Mao ata Samos. O itinerario atravesará a Serra do Édramo e incluirá unha parada no miradoiro de Penabranca, desde onde se poderán gozar impresionantes vistas da contorna. Trátase dunha ruta de dificultade media, tras a cal os participantes disporán de tempo libre en Samos antes do xantar.

Ao mediodía, está prevista unha comida de grupo no Hotel A Veiga, e xa pola tarde terá lugar o magosto popular, organizado en colaboración co Concello de Samos e a Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, no que non faltarán as castañas, o viño e a festa.

O prezo de inscrición é de 38 euros para socios e 40 euros para non socios, e inclúe transporte, seguros, comida e magosto. As prazas son limitadas e poderán reservarse ata o 6 de novembro ou ata esgotarse, a través do teléfono 609 027 518.

⚙ Configurar cookies
0.064563989639282