O IES Gregorio Fernández impulsa a terceira edición do Festival de Curtametraxes e a cuarta da revista ‘Arela dun Soño’

SarriaXa
O centro educativo consolida dous proxectos que promoven a creatividade do alumnado e incorpora un suplemento especial dedicado ao medio século de historia do instituto
Festival-de-Curtametraxes-26-IES-Gregorio-Fernández
19 Jun 2026

O IES Gregorio Fernández presentou a terceira edición do seu Festival de Curtametraxes e a cuarta edición da revista ‘Arela dun Soño’, dous proxectos xa consolidados que poñen en valor a creatividade, o talento e a implicación do alumnado participante. Ambas iniciativas forman parte da aposta do centro por fomentar a expresión artística, a comunicación e o traballo colaborativo, converténdose en espazos de aprendizaxe e participación que transcenden o ámbito das aulas.

Na III edición do Festival de Curtametraxes proxectáronse cinco pezas creativas de estilos e temáticas diversas, que serán recoñecidas cun premio do xurado e un premio especial do público, nunha iniciativa que busca premiar tanto a calidade técnica como a orixinalidade das propostas.

Pola súa parte, a revista ‘Arela dun Soño’ incorpora nesta edición un suplemento especial dedicado ao 50 aniversario do instituto, no que se recollen lembranzas, testemuños e imaxes que percorren a historia do centro desde a súa creación ata a actualidade, reforzando así a súa memoria colectiva.

Na fotografía que acompaña esta información aparecen parte do alumnado, profesorado e persoal participante na elaboración da revista, unha publicación que contribúe a preservar a identidade do centro coincidindo coa celebración do seu medio século de historia.

0.11404013633728