O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria busca refráns de outono co concurso "Refraneando no Xograr"

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria puxo en marcha o concurso "Refraneando no Xograr", unha iniciativa para recuperar e poñer en valor os ditos e refráns populares galegos vinculados ao outono e ás celebracións propias destas datas.
A proposta está impulsada polo equipo de dinamización da lingua galega e o equipo da biblioteca do centro. O obxectivo é recompilar expresións tradicionais relacionadas co Samaín, o Día de Todos os Santos, o magosto e o outono, contribuíndo así á conservación e difusión do patrimonio oral galego.
A convocatoria está aberta a todo o alumnado do instituto, que poderá participar en catro categorías: primeiro e segundo da ESO, terceiro e cuarto da ESO, bacharelato e ciclos formativos.
O prazo para entregar os traballos rematará o 3 de novembro. A proposta que obteña a mellor valoración recibirá un premio.