O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria repasa a historia da música en galego

O alumnado do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria pode coñecer estes días a evolución da música en galego a través da exposición "Galegoza. A canción en galego", unha mostra impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que percorre diferentes centros de secundaria da provincia.
A exposición está formada por unha trintena de paneis que repasan a historia da música en galego desde os anos sesenta ata a actualidade, con referencias a estilos como a música tradicional, o pop, o rock, a canción de autor, a electrónica, o hip hop e o rap.
Durante a inauguración, o vicepresidente Efrén Castro participou nun encontro co alumnado, que tamén puido coñecer máis detalles do proxecto da man do seu comisario e responsable do portal Ábrete de Orellas, Pepe Cunha.
A mostra incorpora códigos QR que permiten acceder a unha lista de reprodución con temas representativos da evolución da música en galego. Ademais, o alumnado pode participar no sorteo de iPods a través dun cuestionario sobre os contidos da exposición.