O Incio acolle unha actividade da Furgoteca para celebrar o Día da Poesía con Beatriz Dourado e Irene Sanjuán

O Concello do Incio será escenario este domingo dunha actividade especial con motivo do Día da Poesía, organizada pola Furgoteca dentro do programa de bibliotecas móbiles de Galicia. A actividade está aberta a todas as persoas interesadas e desenvolverase en horario de 12.00 a 13.30 horas
A iniciativa contará coa participación das creadoras Beatriz Dourado e Irene Sanjuán, autoras da obra “Latexos”, recoñecida co Premio Arume de poesía para a infancia 2024.
A proposta busca achegar ao público o proceso de creación poética baixo o título “Como nace un poema?”, ofrecendo unha experiencia arredor da escrita e a ilustración. As participantes guiarán aos asistentes nun percorrido pola maxia da creación literaria e artística, combinando palabras e imaxes.
A iniciativa forma parte das accións impulsadas para fomentar a lectura, a creatividade e o acceso á cultura no rural galego.