O Incio aproba un orzamento de case 2,4 millóns para 2027

SarriaXa
As contas municipais saíron adiante cos votos a favor do equipo de Goberno e a abstención do PSOE e inclúen investimentos por valor de 792.307 euros en obras e melloras
Concello_do_Incio
27 Nov 2026

O Concello do Incio aprobou os Orzamentos municipais para 2027, que ascenden a 2.397.369 euros, unha cantidade similar á das contas do presente exercicio. O alcalde, Héctor Corujo, destacou o "realismo" dunhas previsións que poderán incrementarse ao longo do próximo ano cando se concreten proxectos comprometidos por outras administracións, como a Deputación de Lugo e a Xunta.

O documento económico saíu adiante cos votos a favor do equipo de Goberno e a abstención do Grupo Municipal do PSOE. Entre as principais partidas destacan os recursos destinados aos servizos sociais e ás obras, cun investimento previsto de 300.000 euros para a rehabilitación da Casona, un inmoble que leva anos abandonado e cuxa recuperación permitirá darlle unha nova vida.

As contas reservan tamén 201.000 euros para pavimentar os accesos aos núcleos de Laiosa, O Souto e Castelo, con cargo ao Plan Deputación, así como 229.000 euros para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal. A estas actuacións súmanse preto de 34.000 euros para obras de reposición e case 14.000 euros para o Plan Camiña Rural.

En conxunto, estas intervencións representan un investimento de 792.307 euros. O orzamento contempla, ademais, unha achega de 3.000 euros para os gastos de funcionamento do club de fútbol local, o Terra Brava, e axudas para a celebración de festivais musicais e culturais, entre eles o Tremeterra e o Terra Brava.

0.13100719451904