O Incio busca o apoio da Xunta para rehabilitar a Casona da Cruz e impulsar novos proxectos municipais

SarriaXa
Héctor Corujo traslada a Alfonso Rueda as principais necesidades do concello nunha reunión de traballo
Reunión-Alcalde-do-Incio-e-presidente-da-Xunta
22 Jul 2026

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, mantivo unha reunión de traballo co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para analizar distintos asuntos considerados prioritarios para o desenvolvemento do municipio. Trátase do primeiro encontro oficial entre ambos os mandatarios desde que Corujo asumiu a Alcaldía.

Ao remate da reunión, o rexedor destacou a boa disposición mostrada polo presidente da Xunta ante as necesidades expostas polo Concello e agradeceu a receptividade do Executivo autonómico.

Entre os asuntos tratados figurou a situación da Casona da Cruz do Incio, un inmoble propiedade da Deputación de Lugo que permanece á espera da súa rehabilitación desde hai anos. Segundo explicou o alcalde, Alfonso Rueda expresou o compromiso da Xunta de colaborar na recuperación do edificio na mesma medida en que o faga a institución provincial, co obxectivo de convertelo nun espazo público ao servizo da veciñanza.

Durante o encontro tamén se abordaron outros proxectos estratéxicos para o municipio, como a recuperación do antigo balneario da Ferrería, o estudo para desenvolver un polígono industrial no Incio e o impulso do itinerario cultural Eufrasiano, unha iniciativa que podería optar a liñas de axuda da Xunta de Galicia.

0.1192090511322