O Incio converterá seis antigos garaxes municipais en vivendas de alugueiro

Seis espazos que actualmente funcionan como garaxes das vivendas municipais da rúa Rodeiro, no Incio, serán transformados en apartamentos destinados ao alugueiro tras a adxudicación das obras por parte do Concello. Os traballos foron contratados por 293.315 euros á empresa García y Sánchez de Melide, que foi a única que presentou oferta ao procedemento.
A actuación contempla a reconversión dos actuais garaxes para crear seis vivendas, cada unha delas cunha superficie útil de 44,45 metros cadrados e distribuída nun único dormitorio. Polas súas características e dimensións, os apartamentos están pensados para ser ocupados por unha persoa ou por unha parella.
A empresa dispoñerá dun prazo de doce meses para executar o proxecto. Aínda que unha pequena parte dos traballos deberá realizarse neste ano, a maior parte da actuación desenvolverase ao longo de 2027.
O proxecto conta cunha importante achega pública para facer posible a intervención. O Instituto Galego da Vivenda e Solo asumirá o 95 por cento do custo das obras mediante unha subvención, mentres que o Concello do Incio financiará a parte restante.