O Incio é o escenario dun proxecto pioneiro de captura de CO2 nun bosque de compensación de emisións

SarriaXa
A iniciativa permite ordenar máis de 800 hectáreas e impulsa a descarbonización, a biodiversidade e o emprego verde no rural lucense
PP-Bosque-O-Incio
20 May 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular de Lugo visitaron no concello de O Incio unha iniciativa pioneira baseada nun bosque de captación de CO2, destinado á compensación de emisións de gases de efecto invernadoiro e á protección climática e do solo.

O alcalde do Incio e deputado provincial, Héctor Corujo, explicou o funcionamento do proxecto aos seus compañeiros de grupo Antonio Ameijide, Jesús Núñez, Clemente Iglesias e José María Fernández.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, destacou que a visita serviu para coñecer un proxecto que cualificou como pioneiro e interesante, subliñando o papel estratéxico do rural galego no proceso de descarbonización e na loita contra o cambio climático.

O proxecto no Incio complétase cun proceso recente de deslinde de montes que puxo fin a un conflito histórico iniciado en 1852 na zona da Ferrería. Esta actuación foi impulsada pola empresa Carteira Pinus, en colaboración con Grupo Sylvestris, firma de enxeñaría forestal participada por Fundación Repsol e Hispasat.

Os traballos permitiron completar o apeo e deslinde de máis de 800 hectáreas tras case un ano de actuacións técnicas, xurídicas e de campo, e incluíron acordos con cinco comunidades de montes veciñais —Trascastro, Vilar de Robledo, Foilebar, Vilarxoán e Santa Mariña—, así como con propietarios particulares.

O resultado foi a delimitación oficial de 781 hectáreas, que se destinarán a un proxecto forestal de gran envergadura xestionado por Grupo Sylvestris, orientado á absorción certificada de carbono, á mellora da biodiversidade e á xestión técnica do monte.

Este sistema permite que empresas que non poden reducir ao 100% as súas emisións poidan compensalas mediante a absorción de CO2 destes bosques, contribuíndo ao mesmo tempo ao financiamento e conservación do medio rural.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, destacou que a iniciativa non só ten beneficios ambientais, senón tamén sociais, ao favorecer a creación de emprego verde local e a recuperación de terras que poderían quedar en abandono ou expostas a incendios forestais.

Engadiu ademais que proxectos deste tipo son fundamentais para poñer en valor o rural, contribuír á súa dinamización económica e favorecer o asentamento poboacional nos concellos da provincia.

0.11808204650879