O Incio e O Páramo acolleron esta fin de semana sendas Festas dos Avós multitudinarias
O Concello do Páramo e o Concello do Incio celebraron esta fin de semana sendas Festas dos Avós. No caso do Incio, celebrouse a XXXI Festa dos Avós e da Familia, que acolleu arredor de 500 persoas, e no caso do Páramo celebrouse XXVII edición da Festa dos Avós, que acolleu sobre 300.
Na do Páramo, as persoas asistentes participaron dunha misa no campo da feira e logo comeron xuntos no pavillón polideportivo municipal, na que participaron o alcalde do Páramo, José Luis López, a alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet e a portavoz do PP de Lugo, entre outras persoas da política provincial. Ademais, no evento, homenaxeouse a Purificación López, de 95 anos, e a Jesús Rodríguez, de 94. E tamén se entregou un chaveiro a todas as persoas asistentes co escudo do Páramo.
Pola súa parte, no Incio tamén comezou a xornada cunha misa e, antes da comida, desfrutouse dunha sesión vermú co músico Paco da Ferrería. No polideportivo do colexio Ricardo Gasset desenvolveuse a comida popular, na que estivo o alcalde, Héctor Corujo, ademais doutras personalidades. Alí, homenaxeouse a Enrique López e a Visitación Rodríguez, de 98 anos, e entregáronse paraugas a todas as persoas asistentes.