O Incio mellora os seus medios para limpar camiños e actuar fronte ao risco de incendios

O Concello do Incio destinará 93.526 euros á adquisición dunha minicargadora compacta equipada cunha rozadora lateral, unha nova máquina que se incorporará ao servizo municipal para reforzar os traballos de limpeza e mantemento no territorio.
A adquisición busca dotar o Concello dun vehículo capaz de acceder a lugares de difícil orografía, facilitando as actuacións en puntos nos que as características do terreo dificultan o emprego doutro tipo de maquinaria.
A minicargadora empregarase especialmente nos labores de roza e limpeza da contorna de vías e camiños municipais, contribuíndo tamén ás tarefas de prevención de incendios mediante a retirada e control da vexetación.
Para financiar a compra, o Concello do Incio conta cunha axuda de 30.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. O investimento previsto para a adquisición do novo equipamento ascende en total a 93.526 euros.
O proceso para contratar a subministración da maquinaria xa está en marcha. As empresas interesadas en participar na licitación poderán presentar as súas ofertas ata o 13 de outubro.
Coa incorporación deste novo equipamento, o Concello pretende mellorar os medios dos que dispón o servizo municipal e facilitar as intervencións de conservación nun territorio no que a dispersión e a complexidade orográfica condicionan en numerosas ocasións os traballos de mantemento.