O Incio organiza un encontro de cantos de taberna polos bares da localidade

O Concello do Incio, en colaboración coa Aula de Música Tradicional, promove un encontro de Cantos de Taberna que percorrerá distintos establecementos hostaleiros da localidade o vindeiro sábado, 23 de maio, a partir das 18:30 horas. A proposta busca dinamizar a vida cultural e social do municipio a través da música tradicional, recuperando unha das expresións máis populares do patrimonio galego.
Ao longo da xornada, os grupos participantes irán actuando polos bares adheridos á iniciativa, concretamente Bar Togu, Paradís Rural, O Sarabia, A Purita e Hermida Rural, creando un ambiente festivo e participativo que pretende implicar tanto á veciñanza como ás persoas visitantes. A organización destaca o valor deste tipo de actividades para manter viva a tradición musical e favorecer o encontro interxeracional arredor da cultura.
As formacións interesadas en sumarse ao evento poden formalizar a súa inscrición chamando ao número de teléfono 671 380 488.