O Incio reuniu máis de 300 persoas na segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta

SarriaXa
A cita gastronómica celebrada en Eirexalba consolídase como un evento para promover o produto autóctono e dinamizar o territorio
II-Cocido-Gourmet-Porco-Celta-O-Incio
15 Mar 2026

A segunda edición do Cocido Gourmet Porco Celta do Incio foi todo un éxito de participación ao congregar a máis de 300 persoas no Hotel Hermida Rural, situado na localidade de Eirexalba. A iniciativa naceu coa intención de reivindicar esta raza autóctona e reforzar a presenza do evento dentro do calendario gastronómico galego, un obxectivo que, segundo os organizadores, continúa a avanzar coa consolidación desta cita.

A cantante lucense Lucía Pérez, natural do municipio, foi a encargada de exercer como pregoeira desta edición, mentres que o humorista David Amor participou como embaixador do encontro. Durante o seu discurso, a artista destacou o significado do porco celta como “un símbolo de identidade, de resistencia e de futuro”. Na súa intervención subliñou tamén que apostar pola recuperación e promoción desta raza supón contribuír a manter viva a terra, a cultura e a economía local. Ademais, dedicou lembranzas a figuras como Ánxel Fole e Marica Campo e puxo en valor o papel das mulleres na cociña tradicional, ás que cualificou como protagonistas silenciosas. Lucía Pérez incidiu en que o Cocido Gourmet representa a unión entre tradición e innovación.

A programación do evento comezou ás 13:00 horas cunha cata de viños guiada que contou coa colaboración de Bruno Lovelle. Nesta primeira actividade ofrecéronse diferentes petiscos gourmet elaborados con Porco Celta que serviron como aperitivo para os asistentes. Despois do pregón celebrouse o xantar principal, no que o cocido foi o prato protagonista da xornada, seguido dunha queimada acompañada do tradicional conxuro.

A festa continúa ao longo da tarde con distintas propostas musicais e gastronómicas. Ás 18:00 horas está previsto o concerto do grupo Deloreans, que interpretará versións de coñecidos temas de indie, pop e rock. Máis tarde, ás 20:00 horas, celebrarase unha cea na que os asistentes poderán degustar iscos ao espeto, mentres que a xornada concluirá cunha noite dedicada aos destilados selectos e aos combinados.

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, salientou que esta segunda edición permite dar continuidade a un proxecto que xurdiu co propósito de fortalecer a identidade gastronómica do municipio e apoiar o sector vinculado ao Porco Celta. Segundo explicou, a intención do Concello é que o evento continúe medrando nas vindeiras edicións, gañe proxección e chegue a consolidarse como unha referencia dentro das citas gastronómicas da provincia de Lugo e de toda Galicia.

Entre as autoridades asistentes estivo tamén o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Durante a súa visita destacou o valor destas iniciativas gastronómicas como ferramenta para promocionar os produtos agroalimentarios galegos e impulsar o consumo de proximidade e de quilómetro cero.

Neste sentido, Alemparte sinalou que encontros como o Cocido Gourmet Porco Celta contribúen a poñer en valor a produción do territorio e, ao mesmo tempo, funcionan como espazos de convivencia social que favorecen a dinamización económica e turística das zonas rurais. Ademais, subliñou que o evento serve para mostrar a calidade e diversidade dos produtos galegos, algo que se exemplifica nesta cita coa combinación do cocido de Porco Celta amparado pola marca Artesanía Alimentaria cos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, unha maridaxe que reforza a identidade gastronómica da comarca e promove de maneira conxunta distintos produtos de calidade diferenciada.

0.11662316322327