O Infantil feminino do CB Sarria ascende a Liga Galega

O equipo Infantil feminino Maderas Grandas do Club Baloncesto Sarria conseguiu alcanzar o principal obxectivo marcado para esta tempada ao lograr o ascenso á Liga Galega, culminando así un curso no que o traballo e a dedicación foron constantes.
O conxunto pecha a campaña facendo realidade unha meta pola que loitou ao longo de toda a tempada e que non foi sinxela de acadar. O equipo demostrou durante o ano que o esforzo diario, a implicación e a paixón polo baloncesto son elementos fundamentais para superar retos deportivos.
O adestrador do equipo, Adrián López Armesto, destacou o papel fundamental das xogadoras ao longo de toda a tempada e puxo en valor o seu compromiso, esforzo e constancia para acadar o ascenso.
Segundo explicou, tratouse dunha campaña especialmente esixente, con encontros complicados fronte a equipos de gran nivel, aínda que as xogadoras foron quen de competir semana a semana ata chegar á fase de ascenso.
Adrián salientou que o equipo conta cunha moi boa xeración de xogadoras e que o traballo se foi construíndo progresivamente, partido a partido. Subliñou ademais que a asistencia aos adestramentos e o compromiso das xogadoras foron claves para acadar o obxectivo.
Tamén puxo o foco na dificultade de compaxinar o deporte coa etapa académica, especialmente esixente nesta idade, aínda que valorou positivamente a responsabilidade amosada polo grupo.
Outro dos aspectos destacados foi o feito de que o equipo respectou as lesións ao longo da tempada, o que contribuíu a manter a continuidade do traballo e do rendemento.
O adestrador indicou finalmente que as xogadoras tiñan moi claro o obxectivo do ascenso e cualificou o conseguido como un éxito moi importante tanto para o equipo como para o Club Baloncesto Sarria.
Tamén trasladou o seu agradecemento ás familias e aos afeccionados que acompañaron e apoiaron ao equipo ao longo da tempada, tanto nos encontros disputados na casa como nos celebrados fóra.