O libro 'Xesús Mato, 90 anos... e 50 do seu Fuxan os ventos' presentarase en Paradela e Lugo

SarriaXa
Este martes, 17 de xaneiro, terá lugar a presentación do libro 'Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os ventos', como homenaxe ao crego e musicólogo fillo predilecto do Concello de Paradela.
16 ene 2023

Este martes, 17 de xaneiro, terá lugar a presentación do libro 'Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os ventos', como homenaxe ao crego e musicólogo fillo predilecto do Concello de Paradela.

Tanto a Casa do Concello de Paradela como a Biblioteca Provincial de Lugo (Biblioteca Nodal) acollerán o acto de presentación desta obra que terá horario de 12.00 horas en Paradela e ás 20.00 horas en Lugo, respectivamente.

Neste evento, que ten entrada libre e no que se entregará un exemplar a cada asistente, intervirán Xesús Mato, Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; a escritora Marisol Bravos, Ángel Fernández (fillo predilecto de Paradela) e Xulio Xiz (de Colectivo Egeria).

O libro

A publicación de 'Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os ventos', que se encadra na programación do Bicentenario do Concello de Paradela, é un percorrido pola traxectoria vital de Xesús Mato e Mato, xa que o pasado 29 de outubro cumpriu 90 anos e medio século da creación do grupo Fuxan os ventos, sendo tamén da súa autoría a letra e a música da canción que deu nome ao grupo.

O libro de 166 páxinas, publicado por Brandán Comunicación e coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz, resume o camiñar pola vida de Xesús Mato e os textos de presentación de Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura), José Manuel Mato (alcalde de Paradela) e dos coordinadores da publicación.

Ademais destes, tamén participan Alfonso Blanco, Marisol Bravos, José Crespo, Ángel Fernández, Marcos Fernández, Valentín García, Mero, Manuel Lombao, Arximiro López, Mini, Eloy Rodríguez, Santiago Rodríguez, Carlos Rodríguez, Isidoro Rodríguez, e Lola Tourón.

Cada un dos coautores incide nunha fase da vida e actividade do Padre Mato: a nenez, o Seminario, a guerra, a lingua, a cultura, a primeira parroquia, a música, crego de familia… Auxilia, Fillo predilecto de Paradela e Medalla Castelao, etc.

Unha vida entregada aos demais que o libro quere poñer de manifesto en homenaxe a este home da Igrexa, da música e da cultura.