O Meigallos FS abre as súas portas para captar novos xogadores e xogadoras

SarriaXa
O club organiza xornadas de adestramento abertas entre o 25 de maio e o 5 de xuño para todas as categorías de base e feminino
Copa-Deputacion-Futsal-2025-masculino--Meigallos
25 May 2026

O Meigallos FS pon en marcha entre o 25 de maio e o 5 de xuño unhas xornadas de portas abertas co obxectivo de achegar novos xogadores e xogadoras ao fútbol sala e dar a coñecer o traballo que desenvolve o club nas distintas categorías.

Durante esas dúas semanas, as persoas interesadas poderán participar nos adestramentos dos diferentes equipos nos horarios establecidos tanto no pavillón do Chanto como nos pavillóns dos institutos e de Oural.

A iniciativa está dirixida a nenos, nenas e mozos de diferentes idades, así como ao fútbol sala feminino. As categorías convocadas son biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, base feminina e senior feminina.

Desde o club animan ás familias e aos rapaces a probar a experiencia de adestrar co Meigallos FS e coñecer de primeira man o ambiente deportivo e formativo da entidade sarriá.

As persoas interesadas poden solicitar máis información a través dos teléfonos facilitados pola organización e das redes sociais oficiais do club.

0.11138391494751