O Meigallos, Luisitalia e Ribeira FS proclámanse campións da VII Copa Deputación de Lugo de Fútbol Sala

A VII Copa Deputación de Fútbol Sala para categorías sénior xa ten campións nas súas tres modalidades. O Meigallos FS fíxose co título de Primeira División masculina, o Luisitalia gañou a final de Segunda e o Ribeira FS conquistou a competición feminina, nunha xornada que se celebrou este domingo no pavillón José Mario González de Sarria.
Na Primeira División masculina, o Meigallos FS impúxose por 1-6 ao FSF Castro Deportes A Chaira. O equipo sarriao abriu unha importante vantaxe nos primeiros dez minutos, nos que colocou o 0-3 no marcador, e mantivo o control do encontro ata completar a goleada nos minutos finais. Adrián marcou o único tanto do conxunto chairego, mentres que Fabián, Brais, Alonso e Borja, este último con dous goles, foron os autores dos tantos do Meigallos. Saúl Fernández foi elixido MVP do partido.
Na final de Segunda División, o Luisitalia tamén levou a copa para Sarria tras vencer por 4-9 ao Concello de Begonte FS B. O equipo sarriao dominou claramente o encontro e chegou a situarse cun 0-7 favorable, despois de marcar tres goles na primeira parte e catro máis nada máis comezar a segunda. O conxunto de Begonte reaccionou con tres tantos consecutivos, pero a diferenza no marcador xa era demasiado ampla para poder darlle a volta ao resultado. A goleada foi obra de Francisco (2), Diego, Miguel (2), Álex, Damián e Diego (2). Entre os chairegos marcaron Antón (2), Antonio e Jesús.
Na categoría feminina, o Ribeira FS proclamouse campión ao superar por un axustado 1-2 ao FSF Castro B Energym B. O equipo chairego adiantouse no primeiro minuto de xogo por medio de Marta, pero as lucenses igualaron pouco despois. Antía marcou o segundo tanto do Ribeira antes do descanso, resultado que se mantivo ata o final. Aldara e Antía foron as goleadoras do equipo vencedor.
A competición, que comezou a finais do mes de agosto, reuniu 38 equipos de toda a provincia e desenvolveuse ao longo das distintas fases previas, oitavos de final, cuartos e semifinais, antes de chegar á xornada decisiva deste domingo.