O Mercado Quilate Especial Nadal de Sarria foi todo un éxito
A primeira edición do Mercado Quilate Especial Nadal de Sarria, que contou co apoio da Vicepresidencia da Deputación, encheu as rúas da vila. Os anticuarios de Sarria queren consolidar unha edición nestas datas, xa que xa veñen organizando un rastro mensual destas características.
O deputado Efrén Castro achegouse durante a mañá aos postos instalados na rúa do Porvir, que ofrecían os máis variados obxectos antigos e vintage, vinilos e obxectos curiosos e de coleccionismo.
A feira incluíu tamén demostracións de cestería, tecedura e olería organizadas pola área de Artesanía e Deseño, que contribuíron a atraer o público, reforzando a aposta da organización polo evento e ofrecendo un novo escenario para a promoción da artesanía lucense.
Postos de confitaría e repostería e a actuación do grupo Xaramolos contribuíron tamén a ambientar unha xornada moi concurrida, no espazo de referencia dos anticuarios en Sarria.
Neste sentido, Efrén Castro valorou “a iniciativa da organización que encheu Sarria de actividade durante esta xornada de domingo, animando a saír á rúa ás veciñas e veciños da vila e traendo ata aquí xente do resto da comarca".