O Monte da Toca acollerá unha xornada para descubrir a relación entre os hábitats do monte e a produción de mel

A Asociación Galega de Custodia do Territorio organizará o vindeiro 20 de setembro unha nova actividade no monte de Toca, en Samos, unha xornada que permitirá coñecer os diferentes hábitats presentes neste espazo e descubrir a súa relación coa produción de mel.
Ao longo do percorrido explicaranse as características da vexetación que se pode atopar no monte, onde existen hábitats dominados por distintas especies de frondosas, mentres que nas ladeiras máis expostas predominan as queirogas e diferentes especies de leguminosas. A actividade permitirá comprender o papel destes ecosistemas e a súa importancia para a apicultura.
A xornada tamén incluirá unha aproximación ao proceso de elaboración do mel, así como unha cata de diferentes produtos. Para esta parte da actividade contarase coa colaboración dalgún produtor local, que permitirá coñecer de primeira man o traballo que hai detrás da obtención deste produto.
A ruta terá unha lonxitude aproximada de cinco quilómetros e presentará unha dificultade media-baixa. As persoas participantes deberán acudir con roupa e calzado axeitados e levar auga, ademais de froita e/ou froitos secos para o percorrido.
Esta iniciativa forma parte do acordo a tres bandas asinado en 2022 pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Comunidade de Montes de Toca e o proxecto COMPENSA da Cruz Roja Española en Lugo. O convenio ten como finalidade contribuír á restauración e conservación de áreas afectadas polos incendios.
No marco deste compromiso están a desenvolverse durante 2026 diferentes actividades destinadas a poñer en valor o espazo natural, dar a coñecer o seu patrimonio ambiental e promover a conservación dos hábitats do monte de Toca.