O monte de Toca acollerá unha ruta para descubrir a riqueza ornitolóxica da zona

SarriaXa
A actividade, organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, busca poñer en valor un espazo natural recuperado tras os incendios
Asociación-Galega-de-Territorio-Monte-de-Toca-Samos
26 May 2026

O monte de Toca, no municipio de Samos, converterase o vindeiro domingo 31 de maio no escenario dunha nova actividade de divulgación ambiental centrada na observación e identificación de aves. A iniciativa está impulsada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e permitirá ás persoas participantes coñecer a diversidade faunística dun enclave considerado de alto valor natural.

A xornada desenvolverase entre as 10.15 e as 14.30 horas cun percorrido de dificultade media-baixa no que se combinará a observación visual das especies coa identificación dos seus cantos. O obxectivo é achegar aos asistentes a riqueza ornitolóxica que alberga este espazo natural, caracterizado pola convivencia de diferentes hábitats.

No monte de Toca alternan zonas abertas destinadas ao uso silvopastoral con áreas dominadas por bosques de frondosas e outras de forte pendente, unhas condicións que favorecen a presenza dunha ampla variedade de aves adaptadas a distintos ambientes. A actividade permitirá descubrir algunhas destas especies ao tempo que se fomenta o coñecemento e respecto polo patrimonio natural da contorna.

Esta proposta forma parte do acordo de colaboración asinado no ano 2022 entre a Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Comunidade de Montes de Toca e Cruz Vermella. O convenio naceu coa finalidade de restaurar e conservar espazos afectados polos incendios forestais, promovendo ao mesmo tempo iniciativas de sensibilización e posta en valor ambiental.

Dende a organización destacan que este tipo de actividades contribúen a fortalecer o vínculo da cidadanía coa natureza e a divulgar a importancia da conservación dos ecosistemas rurais. Ademais da recuperación ambiental, o proxecto busca impulsar usos sostibles do territorio e favorecer a participación social arredor do patrimonio natural.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través do formulario habilitado pola organización.

0.11599206924438