O Monte de Toca culmina catro anos de traballo pola recuperación ambiental e a conservación da biodiversidade

SarriaXa
O proxecto impulsado pola Cruz Vermella, a Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Comunidade de Montes pechou a súa programación anual cun seminario sobre os efectos dos incendios forestais
actividade-monte-de-toca-samos
29 Nov 2026

A tempada de actividades no Monte de Toca, no concello de Samos, rematou onte coa última das propostas programadas, centrada nesta ocasión na análise dos efectos dos incendios forestais sobre distintos territorios da xeografía galega. A xornada serviu tamén para facer balance de catro anos de traballo conxunto a prol da recuperación do territorio, a conservación da biodiversidade e a participación comunitaria.

A iniciativa púxose en marcha en 2022 coa colaboración da Cruz Vermella, a Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Comunidade de Montes de Toca, co obxectivo inicial de recuperar e reforestar nove hectáreas de terreo afectadas polos incendios forestais de 2017. Desde entón, o proxecto foi incorporando accións de sensibilización, educación ambiental e divulgación dos valores naturais e culturais deste espazo.

Ao longo de 2026 desenvolvéronse diferentes actividades para achegar os participantes e a cidadanía á riqueza ambiental, paisaxística e cultural do monte. Entre as propostas realizadas estiveron A Paisaxe, o Roteiro do Mel, o Roteiro dos Pastos, o Roteiro dos Paxaros, o Roteiro da Gandaría e o Roteiro dos Cogomelos, que permitiron coñecer distintos elementos da contorna e comprender a relación entre a natureza, os usos tradicionais e a actividade humana.

A programación concluíu co seminario «Lumes, desenvolvemento rural e conservación da natureza», un espazo de encontro e reflexión no que se abordaron os incendios forestais, a xestión do territorio, a conservación ambiental e as posibilidades de desenvolvemento sostible do medio rural.

Durante a xornada púxose de manifesto a importancia de recuperar os usos tradicionais, promover modelos de xestión sostibles e recoñecer o papel das comunidades locais na protección da paisaxe e na prevención dos grandes incendios forestais.

O proxecto pon de relevo o valor da colaboración entre entidades, comunidades e cidadanía para impulsar iniciativas que, ademais de contribuír á recuperación dos espazos naturais, permiten xerar coñecemento, conciencia ambiental e novas formas de relacionarse co territorio.

Catro anos despois da súa posta en marcha, o Monte de Toca continúa sendo un exemplo de como a cooperación e a implicación social poden favorecer a recuperación dos espazos afectados polos incendios e contribuír á construción dun medio rural máis vivo, sostible e comprometido coa súa contorna.

0.21603798866272