O monte veciñal de Vilasouto aparecerá no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

SarriaXa
O monte veciñal de Vilasouto, no municipio do Incio, aparecerá no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas
Vilasouto oIncio
Vilasouto oIncio
29 nov 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas do monte de Vilasouto, no Incio.

En concreto, inscríbense 16,0345 hectáreas compostas por tres mouteiras de carballos e bidueiros, de titularidade da comunidade de montes veciñais en man común homónima.

A partir do día de hoxe, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural de Lugo os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de hoxe martes 29 de novembro.

Cabe sinalar que na actualidade, xa existen 50 masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 5 na provincia da Coruña, 14 en Lugo, 21 en Ourense e 10 en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 4.056,94 hectáreas.

En Galicia existe de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.