O Mosteiro de Samos acolleu o concerto medieval de Malandança

SarriaXa
Desde o BNG sostiveron que o concerto estivo "cheo de sensibilidade e emoción"
I-Ciclo-de-Música-Medieval-Lugo-De-Trovas-e-Cantigas-Samos
30 sep 2024

Decenas de persoas participaron esta fin de semana do concerto de Malandança no Mosteiro de Samos dentro do I Ciclo de Música Medieval Lugo: De Trovas e Cantigas promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo que conta, neste caso, coa colaboracion do Concello de Samos.

O concerto medieval, que estivo "cheo de sensibilidade e emoción", tal e como explican desde o BNG, tivo como protagonistas instrumentos contruídos a partir dos representados no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.

A formación Malandança, especializada en música medieval interpretou un conxunto musical formado por cantigas de Santa María escritas na corte de Afonso X durante o século XIII.

A especial sonoridade dos instrumentos e o recoñecido virtuosismo dos intérpretes que forman Malandança, Esperanza Mara, Manuel Vilas, Diego Rojo, Xurxo Varela, César Arias e Francisco Luengo, acompañados pola narración de Charo Pita; definiron o concerto.

Pola súa parte, o ciclo, que pretende levar a música medieval a emprazamentos singulares e representantivos desta etapa histórica nas distintas comarcas, programará dous concertos máis: o 24 de outubro na Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, e na igrexa románica de San Pedro de Bembibre, en Taboada. O primeiro celebrouse o pasado mes de abril en Lugo, coincidindo co curso de instrumentos de música medieval que se celebrou no Centro de Artesanía e Deseño.

0.16157793998718