O Museo Paixón Motor Slot, único no mundo, poderá ser unha realidade en Sarria

A creación do Museo Paixón Motor Slot en Sarria, promovido por Julio Páramo, que preside ademais a Asociación de Museos de Automoción en Miniatura, poderá ser unha realidade na vila.
O Concello de Sarria levará ao pleno deste xoves a proposta de ceder a Praza de Abastos para que Páramo poida dispoñer dese espazo para situar alí os seus vehículos eléctricos en miniatura, para a súa aprobación por parte dos partidos políticos municipais.
Actualmente, a Praza de Abastos é un espazo infrautilizado, que só ten ocupado un posto e esta seguiría nese lugar, cunha entrada independente do Museo, o que lle parece ben a Julio, que xa pensara noutras localizacións, como o antiguo cine ou A Feculera.
“Levo moitos anos intentando promover poñer en marcha este proxecto e foron moitos os impedimentos que atopei, pero nunca perdín a esperanza. Cando me chamaron do Concello de Sarria e me ofreceron a posibilidade de dispoñer da Praza de Abastos dixen que si, sen dubidalo. Fun a ver o espazo e pareceume ben tamén. Así, falei con toda a oposición e comenteilles o proxecto, así que espero que o xoves todo saia ben”, explica Páramo.
Así, este Museo acollería gran parte da súa colección de pezas en miniatura e que representan distintos momentos da evolución do automobilismo no mundo.
Xa en 2023, cando Julio Páramo concedeu unha entrevista a este medio, destacaba que “o Museo Paixón Motor Slot estará enfocado ao automobilismo real a través do slot, o que si o faría único do mundo”, poñendo en valor a súa unicidade.