O obradoiro 'Sarria Camiño de Santiago IV' comezará o 6 de novembro

SarriaXa
O Concello de Sarria vén de iniciar o proceso de selección do equipo directivo e docente do Obradoiro de Emprego 'Sarria Camiño de Santiago IV' e das persoas desempregadas que optarán a cubrir as 20 prazas de alumnos ofertadas neste novo programa formativo.
obradoiro sarria portada
13 Out 2023

O Concello de Sarria vén de iniciar o proceso de selección do equipo directivo e docente do Obradoiro de Emprego 'Sarria Camiño de Santiago IV' e das persoas desempregadas que optarán a cubrir as 20 prazas de alumnos ofertadas neste novo programa formativo.

Nesta cuarta edición, o obradoiro de emprego promovido polo Concello de Sarria contará con dúas especialidades: pavimentos e albanelería de urbanización, e instalación de elementos de carpintaría.

En cada unha delas seleccionaranse 10 alumnos, que deberán estar inscritos previamente na Oficina de Emprego de Sarria. Ademais, tamén se seleccionará un director, unha persoa de administración e dous monitores.

Está previsto que as probas de selección dos candidatos se realicen na semana do 23 de outubro para que o obradoiro poida comezar o vindeiro día 6 de novembro.

Obxectivo do obradoiro

O Obradoiro de Emprego “Sarria Camiño de Santiago IV” conta cunha subvención de 531.000 euros xestionada polo Concello de Sarria coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e está orientado a acometer diferentes actuacións de mellora e rehabilitación de espazos ao longo do Camiño Francés ao seu paso pola vila.

Entre as obras programadas figura a rehabilitación da porta principal de acceso ao consistorio, de madeira maciza de castaño, a construción dun expositor para información turística en madeira de castaño, a rehabilitación da carpintaría exterior de madeira da antiga prisión provincial, a construción dunha praza pública fronte á entrada do antigo cemiterio, a pavimentación do camiño central do antigo cemiterio e de parte do trazado do Camiño de Santiago fronte á nova ampliación do cemiterio e a rehabilitación do antigo edificio de autopsias ubicado no cemiterio vello.

0.074338912963867