O Páramo acolle o DH Molinos 2026, unha das citas clave do descenso a nivel estatal

O Páramo converterase o vindeiro domingo, 26 de abril, no epicentro do ciclismo de descenso coa celebración do DH Molinos – Copa de España BTT DH 2026, unha das probas máis destacadas do calendario nacional. O evento, impulsado polo DHG Team de Sarria, regresa cun formato que combina competición, técnica e ambiente deportivo ao longo de toda a fin de semana.
A xornada principal terá lugar o domingo, con saída da manga clasificatoria ás 10:30 horas e a final prevista para as 12:30, mentres que a entrega de premios se celebrará ás 14:30. A competición estará aberta a diferentes categorías, desde infantil ata elite e máster, tanto en modalidade masculina como feminina, permitindo a participación de corredores de distintos niveis do descenso estatal.
O programa comezará xa o venres 24, cando o circuíto permanecerá pechado ata o mediodía para dar paso á súa revisión técnica pola tarde. O sábado 25 desenvolveranse os adestramentos, tanto en sesión de mañá como de tarde, ademais da recollida de dorsais entre as 08:00 e as 09:00 horas. O domingo completará a actividade cos adestramentos oficiais previos ás mangas competitivas.
A organización establece un límite de 300 participantes e fixa as cotas de inscrición en 40 euros para as categorías infantil e cadete e en 50 euros para o resto, sendo obrigatoria a licenza federativa. No caso da categoría infantil, ademais, será obrigatorio competir con horquilla simple, quedando prohibido o uso de horquilla dobre conforme á normativa vixente.
O evento conta co respaldo institucional do Concello do Páramo, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, que apoian unha cita que non só destaca polo seu nivel deportivo, senón tamén polo ambiente que xera arredor do ciclismo de montaña.
Durante toda a xornada, tanto participantes como público poderán desfrutar dunha ampla oferta gastronómica con churrasco de porco e tenreira, criollos, empanada galega, bocadillos, café e almorzos, así como cervexa e bebidas frías, completando así unha experiencia que combina deporte e lecer.