O Páramo acolle unha proba da Copa de España de descenso BTT con arredor de 200 participantes

SarriaXa
A competición, organizada polo club DH Galicia, desenvolverase este domingo nun circuíto de alto nivel técnico e contará con distintas categorías
presentación-DH-Molinos-O-Páramo-2026
23 Apr 2026

O Páramo será escenario este domingo, 26 de abril, dunha das citas destacadas do calendario estatal de bicicleta de montaña coa celebración dunha proba da Copa de España de Descenso BTT DH Molinos, que reunirá arredor de 200 corredores e corredoras de diferentes categorías.

A proba está aberta ás categorías Infantil, Cadete, Junior, Sub-23, Elite e tamén ás distintas categorías Máster, tanto en modalidade masculina como feminina, o que permitirá unha ampla participación de deportistas.

O circuíto deseñado para a ocasión destaca polo seu elevado nivel técnico e esixencia, o que garante un espectáculo deportivo de gran intensidade.

A programación da competición comezará o venres pola tarde coa revisión do percorrido. O sábado terá lugar a xornada de adestramentos oficiais, mentres que as carreiras se disputarán o domingo a partir das 10.30 horas.

A presentación do evento contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen subliñou a continuidade da colaboración do Goberno galego co club DH Galicia para facer posible esta competición, considerada unha das máis relevantes no ámbito nacional desta disciplina deportiva.

Desde a Xunta salientaron a importancia de apoiar iniciativas deste tipo, que contribúen a fomentar a práctica deportiva, dinamizar o territorio e poñer en valor os recursos naturais. Neste sentido, tamén se puxo o acento no potencial do deporte como elemento para diversificar a oferta turística da zona e atraer visitantes ao longo de todo o ano.

0.13896083831787