O Páramo acollerá en setembro unha nova edición da BTT A Ribeira con novos percorridos

SarriaXa
A proba contará con tres modalidades, novidades nos premios e propostas infantís durante a xornada
BTT-A-Ribeira-O-Páramo
5 Jul 2026

O Concello do Páramo volverá ser escenario dunha nova edición da BTT A Ribeira, unha iniciativa impulsada por Pilar e Alba, integrantes do Atlántigas Club Deportivo, que se celebrará o vindeiro 12 de setembro. A cita deportiva regresará cunha programación renovada e diferentes novidades pensadas tanto para os participantes como para as familias asistentes.

A organización prepara para esta edición novos percorridos e tres modalidades adaptadas a diferentes niveis. A proba desenvolverase cunha ruta curta de 37 quilómetros, unha ruta longa de 50 quilómetros e unha Mini BTT cun percorrido de 10 quilómetros que incluirá tamén un tramo con obstáculos nunha leira.

Todas as saídas e chegadas estarán situadas no campo da festa de San Mamede da Ribeira, desde onde os participantes iniciarán as rutas ás 9:30 horas.

Entre as novidades anunciadas figura a incorporación de detalles para os tres primeiros clasificados e clasificadas en cruzar a meta tanto na ruta curta como na longa. Ademais, manteranse os recoñecementos ao club máis numeroso, ao participante máis novo, ao máis veterano, ao participante procedente do lugar máis afastado e tamén ao máis elegante.

A programación incluirá tamén avituallamentos ao longo dos percorridos e unha comida popular destinada aos participantes e ás persoas implicadas na organización do evento.

Xa pola tarde, entre as 16:30 e as 19:30 horas, desenvolveranse actividades infantís con monitores, inchables e pintacaras, abertas tanto ás familias dos inscritos como ás persoas que participen na comida popular.

Desde a organización avanzan ademais que nas próximas semanas irán dando a coñecer novas incorporacións e detalles desta edición, que buscará repetir o ambiente festivo e participativo das convocatorias anteriores.

0.11347317695618