O Páramo converteuse en capital estatal do descenso co DH Molinos

O Páramo volveu situarse no mapa estatal do ciclismo de montaña coa celebración dunha nova edición do DH Molinos, unha competición que reuniu a algúns dos mellores especialistas do descenso en bicicleta de todo o Estado. O escenario da proba foron os montes das parroquias da Torre e Friolfe, nun percorrido esixente que puxo a proba a técnica e velocidade dos participantes.
A carreira, promovida polo club DHG Team de Sarria, formou parte por segundo ano consecutivo da Copa de España de BTT DH Descenso, circunstancia que elevou o nivel competitivo e atraeu a numerosos riders habituais do calendario nacional. A consolidación da cita supón ademais un importante impulso deportivo e promocional para a comarca.
O club organizador tamén tivo unha presenza destacada entre os inscritos, cunha trintena de corredores defendendo as súas cores. Entre eles brillou Iván Mourelo, que acadou o mellor rexistro na categoría Master 30, asinando unha das actuacións máis destacadas da xornada.